O feito de non ocuparse daqueles traballos, ou de non adicarse a aquelas
ocupacións ou obrigas que temos pendentes, para realizar outras
que nos procuran máis pracer, é dicir; deixar de facer unhas que poida que nos
gosten menos por outras que nos gosten máis, ou mesmo esquivar ou aprazar as nosas responsabilidades inmediatas, chámase “procrastinar”.
A nosa muller dinos que a herba do xardín está moi alta e que é mester
pasarlle o cortacéspede, ou pídenos que lle penduremos na parede aquel cadro
que ven de mercar. Nós se vemos que pode ser unha boa tarde de pesca, adoitamos
decirlles;
Mañá sen falta fágoo.
E logo cando nos fala de acompañala este fin de semana a visitar algunha
das súas irmás? Ahí facemos traballar a nosa imaxinación e decimos:
Muller, este fin de semana
quedei con Luís, Pedro e Ramón para irmos xuntos de pesca.
Máis tarde xa falamos cos nomeados para que veñan de pesca ese día. Como
eles son coma nós, será doado convencelos e, se é por unha boa causa…
Pódese dicir que cando facemos o que precede estamos procrastinando. Esa tamén é a
razón pola que a maioría das mulleres e compañeiras dos pescadores son unhas
artistas coidando o xardín. Como tamén son unhas virtuosas pendurando cadros.
Fano dunha maneira maxistral! Locen moito mellor que cando o facemos nós!
Vaiche boa! Tamén adoitan estar soas na meirande parte das reunións familiares
que poidan coincidir coa tempada de pesca. Nestas, nunca falta a irmá ou cuñada
que, fachendeando co home ao seu carón lles pregunta;
E logo Manolo non ven
contigo?
Evidentemente a resposta, inda que xa coñecida, volta a ser unha vez máis;
Non, non ven, vai de pesca.
Aquí é cando aparece o encarguiño de sempre.
Muller, diráslle que garde
unhas troitiñas que xa sabes que o meu Pepe devece por elas.
Á volta ao noso acolledor fogar, sempre satisfeitos, ou case sempre, atopamos
a nosa dona que nos pregunta:
E as troitas?
Levounas Ramón. Seica ao seu
cuñado lle gostan moito e, como só pillamos dúas ou tres cadaún, démosllas
todos a él.
Pois ao teu cuñado Pepe
tamén lle gostan. E miña irmá díxome que lle gardases unhas poucas.
Ao escoitar esas palabras a nós ábresenos o ceo e, bendecindo ao noso santo
cuñado, dicimos:
Non te apures ruliña que
imos voltar xuntos de pesca moi axiña e
ese día traereinas eu. Ven ao meu carón fermosa. Sabes que pensei moito en ti
hoxe?.
Elas, que son moi listas, ben saben que xa estamos preparando o camiño para
voltar a procrastinar, máis, como nos queren…!
Manuel Mouzo Méndez
No hay comentarios:
Publicar un comentario