sábado, 18 de febrero de 2012

As nosas benqueridas donas e compañeiras


O feito de non ocuparse daqueles traballos, ou de non adicarse a aquelas ocupacións ou obrigas que temos pendentes, para realizar outras que nos procuran máis pracer, é dicir; deixar de facer unhas que poida que nos gosten menos por outras que nos gosten máis, ou mesmo esquivar ou aprazar as nosas responsabilidades inmediatas, chámase “procrastinar”.

A nosa muller dinos que a herba do xardín está moi alta e que é mester pasarlle o cortacéspede, ou pídenos que lle penduremos na parede aquel cadro que ven de mercar. Nós se vemos que pode ser unha boa tarde de pesca, adoitamos decirlles;

Mañá sen falta fágoo.

E logo cando nos fala de acompañala este fin de semana a visitar algunha das súas irmás? Ahí facemos traballar a nosa imaxinación e decimos:

Muller, este fin de semana quedei con Luís, Pedro e Ramón para irmos xuntos de pesca.

Máis tarde xa falamos cos nomeados para que veñan de pesca ese día. Como eles son coma nós, será doado convencelos e, se é por unha boa causa…

Pódese dicir que cando facemos o que precede estamos procrastinando. Esa tamén é a razón pola que a maioría das mulleres e compañeiras dos pescadores son unhas artistas coidando o xardín. Como tamén son unhas virtuosas pendurando cadros. Fano dunha maneira maxistral! Locen moito mellor que cando o facemos nós! Vaiche boa! Tamén adoitan estar soas na meirande parte das reunións familiares que poidan coincidir coa tempada de pesca. Nestas, nunca falta a irmá ou cuñada que, fachendeando co home ao seu carón lles pregunta;

E logo Manolo non ven contigo?

Evidentemente a resposta, inda que xa coñecida, volta a ser unha vez máis;

Non, non ven, vai de pesca.

Aquí é cando aparece o encarguiño de sempre.

Muller, diráslle que garde unhas troitiñas que xa sabes que o meu Pepe devece por elas.

Á volta ao noso acolledor fogar, sempre satisfeitos, ou case sempre, atopamos a nosa dona que nos pregunta:

E as troitas?

Levounas Ramón. Seica ao seu cuñado lle gostan moito e, como só pillamos dúas ou tres cadaún, démosllas todos a él.

Pois ao teu cuñado Pepe tamén lle gostan. E miña irmá díxome que lle gardases unhas poucas.

Ao escoitar esas palabras a nós ábresenos o ceo e, bendecindo ao noso santo cuñado, dicimos:

Non te apures ruliña que imos voltar  xuntos de pesca moi axiña e ese día traereinas eu. Ven ao meu carón fermosa. Sabes que pensei moito en ti hoxe?.

Elas, que son moi listas, ben saben que xa estamos preparando o camiño para voltar a procrastinar, máis, como nos queren…!  

Manuel Mouzo Méndez  

sábado, 11 de febrero de 2012

Os Caciques

Guaicaipuro, Baruta, Caruao, Mara, Guaicamacuare, Manaure, Arichuna, Catia, Cayaurima, Chacao, Chicuramay, Guacamayo, Guaicamacuto, Guarauguta, Maracay, Murachi, Naiguatá, Paramacay, Paramaconi, Sorocaima, Tamanaco, Terepaima, Tiuna, Urimare, Yaracuy, Yare e Yoraco, todos eles caciques de distintas tribus indíxenas.

Cacique foi o nome que lle botaron os conquistadores españois aos indíxenas que mandaban nas distintas tribus americanas cando eles chegaron aló. Éstes, os españois, asociaban ese nome con aqueles que mandaban nos seus subordinados despóticamente (caciquismo).

Non obstante, nese caso, iso estaba moi lonxe da realidade. Eses líderes eran escollidos polos demais membros da tribu, segundo as capacidades que amosaban para saír das dificultades ou das súas habilidades coma guerreiros. Como tamén eran escollidos os Piaches (curandeiros que gozaban dunha posición privilexiada na estrutura social indíxena).

Eran eles, os Caciques e os Piaches, os que decidían cando mudar de territorio (se eran nómadas), ou como distribuir a orde social da etnia e tamén como cando e onde defender as súas terras. De feito os caciques foron parte moi importante nas loitas contra o poderío español que tanto ía mudar despois o seu modo de vida e mesmo as súas crenzas. A súa loita foi tan relevante que a día de hoxe inda moitas ciudades e vilas de América latina, (na honra das terras que defenderon e da memoria que deixaron), levan o seu nome.

Hogano, inda que as comunidades indíxenas mermaron moito ou teñen xa hábitos de vida urbáns, inda existen culturas que manteñen vivas esas costumes. Nelas os caciques dirixen os espazos e o tempos. Loitan por intereses propios ou polos dos seus achegados (non polos intereses colectivos como fixeron os seus antergos). Levan mal perder o poder. Buscan, e atopan, monicreques que estean ahí por e para eles.

Se todos fósemos unidos, esquecendo ruíns intereses individuais, poderiamos decirlle a algún cacique “tarde piaches”.

Manuel Mouzo Méndez

viernes, 10 de febrero de 2012