viernes, 6 de julio de 2012

Escrito ao pleno do Concello de Vimianzo

O grupo municipal dos Independentes x Vimianzo presentou unha moción no concello para que se aprobe no pleno a presentación de alegacións á creación do couto de Pesca de Vimianzo.

Baixo estas liñas o escrito que acheguei para que, se o teñen a ben, sexa lido no pleno que trate esa moción.


Ao Pleno do Concello de Vimianzo

Señor alcalde, señoras e señores edís, a Sociedade de Pesca Deportiva Neria naceu coa vocación de ser unha canle, permanentemente aberta, a todos aqueles e todas aquelas que quixeran, e queiran, participar directamente na xestión da pesca, dos recursos fluviais e da súa contorna, da maneira máis directa e atractiva posible. Xorde, xa que logo, por e para a pesca galega no seu conxunto, considerando ésta en sentido amplo, pero máis directamente para os cursos fluviais da comarca. Inspíranos unha filosofía altruista, non obstante, na nosa actual sociedade de consumo toda actividade, mesmo as puramente filosóficas ou altruistas, teñen un custo económico que cómpre asumir. Para iso, para facer fronte a eses custos, contamos cunha masa social que non asume só unha cota anual, tamén achega, para os fins da Sociedade, vehículos, ferramentas e toda sorte de materiais propios.

No que atinxe á conservación dos nosos recursos fluviais, seguimos mantendo a mesma actividade de coidado, mantemento e limpeza do couto de pesca da Ponte do Porto agora, sen as axudas que o Servizo de Conservación da Natureza concedía ás Sociedades co recoñecemento de colaboradoras, coma nós, ca antes cando si as había. Tamén promovemos e asumimos novos retos, malia oposición de certos sectores ou persoas que nada ou pouco teñen que ver coa pesca e, dende logo, que nunca nada fixeron, nin dentro do noso concello nin fóra del, pola súa xestión ou conservación.

Existe unha nova maneira de viaxar e de gozar do tempo de lecer. A través dos nosos espazos naturais poderemos achegar a nosa comarca eses viaxeiros que agora están indo a outros lugares. Lugares que non lles ofrecen máis do que nós aquí temos, tan só llelo ofrecen máis coidado, polo tanto en moitas mellores condicións das que nós nestes intres podemos facelo. Todos entendemos, xa que nós mesmos tamén o facemos, que viaxar é sinónimo de comer, beber, mercar, etc., nos lugares visitados. Cando as actividades que lles ofrecemos aos nosos visitantes son, ademais de pracenteiras, regulares e duradeiras no tempo, entendendo por tempo un espazo que poida ir dende un día ata varias semanas, tamén poden ser, de feito noutras autonomías veciñas coma por exemplo Asturias xa o son, un complemento á oferta hostaleira e de turismo rural das comarcas que son visitadas para gozar dos seus cursos e recursos fluviais.

É logo doado entender a importancia que ten, para todos, vecinos e visitantes, pescadores ou non, xestionar axeitadamente os nosos recursos naturais, ademais de para a calidade medioambiental do noso concello e da comarca, tamén para a nosa maltreita economía. Asemade, cómpre ter en conta que cando se fala de xestión, fálase fundamentalmente de tomar decisión sobre o destino dos recursos disponibles, polo tanto, a súa importancia económica débese engadirlle a súa relevancia social.

En Vimianzo a 5 de xullo de 2012


Manuel Mouzo Méndez