miércoles, 29 de septiembre de 2010

Os derradeiros lances da tempada 2010











Adeus tempada 2010!!
Para os pesimistas unha tempada menos e para os optimistas unha tempada máis. Para uns unha boa tempada, para outros foi coma sempre e para algúns isto vai cada vez a menos. Para nós foi unha moi boa tempada. As medidas tomadas no Couto de Pesca da Ponte do Porto amosaron a súa utilidade, máis aínda coa seca que nos tocou vivir este ano. O río Grande, se non chove, baixa moi axiña de caudal e todos coñecemos como funcionan as depuradoras, se se lles pode chamar así ás decantadoras que se atopan río arriba do Couto.
É capital que nós, os pescadores, pensemos na conservación e recuperación dos nosos ríos e dos seus recursos piscícolas. Somos os primeiros interesados. Pero non debemos facelo tan só por nós mesmos, que tampouco o facemos. Os nosos ríos e os seres que neles habitan, permanentemente ou temporalmente, son recursos e bens públicos. Por isto, as administracións públicas, sexan da cor que sexan, deberían antepoñer aos intreses privados o interés público dos nosos recursos comúns. Nin se fixo así antes nin se está facendo agora.
A pouca, ou nula unión entre o colectivo de pescadores permítenlles aos responsables da xestión das nosas augas tomar decisións ao antollo dos máis ricos. E isto seguirá sendo así mentres tanto e en canto algúns "persoeiros", que se chaman pescadores, vexan no mundo da pesca un instrumento para seguir "vivindo do conto" e "alimentando o seu ego". Agora ben, isto non debe ser excusa para que aqueles que traballamos polos nosos ríos, e gozamos deles, non sigamos o noso camiño sen aforrar esforzos e tentemos, na medida do posible e en momentos puntuais, colaborar, unirnos e traballar por unha causa común. A PESCA!! Se o acadamos, teremos un bo treito de camiño feito.
Saúdos a todos e a preparar a tempada 2011 con renovados folgos!!




No hay comentarios:

Publicar un comentario