lunes, 12 de abril de 2010

Boísima xornada no Campionato Social

Na fermosa paraxe do río grande ao seu paso polo lugar de Pasarela, realizouse o pasado 10 de abril o campionato social de pesca da troita da Sociedade de Pesca Deportiva Neria, concretamente a imaxe superior correspóndese ao sitio no que o río Grande di adeus a Pasarela e lle da a benvida á Furaqueira.


Xa ben cedo pola mañanciña, despois do correspondente sorteo, os pescadores se "tiraron" ao río para tentar facer algunha captura, a maioría, outros aínda adicaron un tempiño a fumar un pitillo en compañía ou a maquinar cal sería o engano máis adoitado neste río e nestas circunstancias. Isto amósanos unha vez máis que a pesca non consiste tan só en capturar peixes.



Temos sobre estas liñas ao que sería o campión da proba con tres fermosas capturas, o amigo Jesús, que nos amosou unha vez máis que o río de Pasarela non ten segredos para él. Parabéns Jesús.




Vedes aquí a un pescador que naceu, para a pesca, coa Sociedade de Pesca Deportiva Neria. Empezou facéndose socio tan só por colaborar e seguíu axudándonos nas tarefas de limpeza de ríos. Xa despois, da man do seu irmán Suso mercou tódolos aparellos e trebrellos que un pescador adoita ter e ... ao río. E fai capturas!! Pero o mellor del é a súa personalidade e o seu saber estar, é sempre un pracer gozar duns instantes ao carón do río na súa compaña.



Antonio Mira Vidal, bo pescador e infatigable anda ríos, ao que lle toca pescar con el tena clara, acaba derreado!! É o unico representante que ten a Costa da Morte este ano no Campionato Autonómico de Lance!! De feito é a primeira vez que a Costa da Morte ten representación nun Campionato Autonómico de Pesca!! É unha honra para a Sociedade de Pesca Deportiva Neria que represente a nosa Costa da Morte no noso nome!!.
Ao fío disto darlles o noso agradecemento e recoñecemento a tódalas institucións que colabaron e colaboran connosco, xa que sin a súa axuda malamente poderiamos facer tódalas actividades que nos propoñemos, pois aínda que sexamos unha asociación moi activa e cunha masa social comprometida, os recursos económicos son moi limitados. Tentamos suplir isto cos nosos esforzos e traballos desinteresados pero sin esas axudas non abondarían.





Suso leva a pesca no sangue!! Debe ter algo de sangue de troita ou de reo nas súas veas!! O seu é pescar!! Non atopa compañeiro que teña dispoñibilidade ao mesmo tempo que el senón aínda pasaría máis tempo no río. Bueno iso e... que Lupe é moita Lupe je je je je. Saúdos Lupe non te me enfades!! Eu aínda recordo cando nos traías os refresquiños fríos ao río... e algún pinchiño tamén traías!!




Hay quen practica a pesca con morte, sen morte, a cebo, a mosca, etc. Veciño practica a pesca sen dormir!! Chega das súas correrías nocturnas e...ao río. E pesca eh..., coido que este é o primeiro Campionato no que non leva premio, tanto de mar coma de río, e foi por peso, pois houbo empate de capturas para o terceiro posto!! Que sigas tendo moitos máis Veciño!!




Como xa se sinalou a pesca non consiste tan só en capturar peixes!! Tamén se comparten momentos, paisaxes o coma neste caso o comareiro. Estas imaxes darían pé a un fermoso xogo de verbas "Un cómaro de combatentes pescadores sentados no comareiro, buscan folgos para seguir co combate".




Moi especial foi a participación do noso amigo Pablo que malia ter outras actividades que atender neste día priorizou a nosa. Grazas pola túa participación Pablo!!


O exemplar capturado por Veciño




Carlos sempre contento!! Para todos nós a pesca ten algo especial pero Carlos tamén forma parte dese grupo de pescadores que a viven dun xeito... diferente. É desa clase de persoas que vive o río, que o goza e ao mesmo tempo, coa súa actitude, fai que para os demais a ledicia aumente.





Antonio e plena ación!! A súa especialidade é o mar, pero tamén se lle ve estilo e interese no río, non foi un día de pesca moi prolífico en capturas pero non só non se desanimou senón que voltou pescar unha vez rematado o campionato!! E iso que estaba o vento do norte!!






Nada que decir do amigo Mon!! Ademais se unha imaxe vale máis que mil palabras, habendo catro imaxes...,estou seguro que diga o que diga non lle faría xustiza!! Pois nada eu a calar e vos a ollar!!



Ía decir a tripleta gañadora, pero segundo o gran dicionario século 21 de editorial Galaxia e edicións do Cumio; unha tripleta é unha bicicleta con tres asentos. Así que é o trío gañador. Destes Jesús e Mon serán xunto con Antonio Mira vidal os representantes da Sociedade de pesca Deportiva Neria no campionato Provincial de Lance o vindeiro 18 deste mes en Baio.
Agradecerlles aos irmáns Valiña a organización da comida no Chalana en Camelle, xa que foi un excelente remate para a unha digna xornada de pesca, boa proba disto é que xa saímos cavilando onde, cando e cómo íamos organizar as vindeiras. Tíñamos moi boas referencias deste establecemento hostaleiro pero a verdade é que ningunha se achegaba á realidade. Cunha excelente cociña, un trato e un ambiente que o son máis aínda, se o pode ser, e uns prezos asequibles temos aquí un lugar de referencia para parar a comer. Non só para nós senón que tamén llelo aconsellamos a calquer persoa que se achegue á Costa da Morte.



























No hay comentarios:

Publicar un comentario