lunes, 19 de abril de 2010

A voltas coas eleccións a FGP

Abraiado! Fiquei abraiado despois de ler un escrito do señor Piñeiro en relación ás vindeiras eleccións á Federación Galega de Pesca. Non entendo como alguén lle pode negar a outros a lexitimadade que se dá a si mesmo ou calificar de "negociaciones en la sombra" a preparación dunha candidatura para as mesmas, cando el mesmo xa leva algún tempo dicindo que desta vez está feito. Comentou, teño testemuñas señor Piñeiro, que xa tiñan os votos contados e que as contas cadraban, engadía que agora a Federación Galega de Pesca xa ía ser cousa deles (enténdase del e dos seus afíns claro) . Quizabes tivese tanta afuteza dende o convencemento de que habería unha soa candidadura. Poida ser que en realidade o que o encabuxa sexa xustamente isto. Claro, é moito máis segura a candidatura que lle interese a un mesmo se é única! Pero entón u-la democracia?
Non me estraña o uso habitual que fai dunha linguaxe vulgar e groseira, nin que o insulto ou o non repecto aos que non tiran da súa corda sexan os argumentos principais do seu escrito. Todo isto adornado da súa cotiá falta de ética. Digo falta de ética porque non é de recibo que primeiro se vaian facendo os comentarios que sinalei e agora xa se poña en dúbida a limpeza deste proceso ao coñecerse que pode haber máis dunha candidatura.
En canto á imparcialidade señor Piñeiro, non pode nin debe existir, iso é precisamente o fundamento da democracia. Evidentemente todo o contrario do que son as listas e os pensamentos únicos por certo.
As Sociedades de Pesca son entidades sen ánimo de lucro cuxos obxectivos principais son o coidado e mantemento do medio fluvial e do seu entorno, ademáis de fomentar e practicar a pesca deportiva ou participar en competicións oficiais. Aqueles que estamos dirixindo e representando a esas entidades facémolo sen interese económico algún, facélomolo con un único interese A PESCA. Velaí o noso interese.
Polo demais todos temos un pasado, algúns para maior honra propia e daqueles cos que o compartimos. O doutros é para non recordar, ou mellor, para esquecer. É de dominio público cal foi o seu comportamento no momento no que se lles concederon os permisos turísticos aos estabelecementos hostaleiros, tamén foi relacionado con certas listas, sen falarmos do uso que facía de Trueiro coma un medio para atacar ou insultar a certas persoas. Unha publicación que debería estar ao servizo da pesca pasou a converterse nunha arma ao seu. Podemos os pescadores galegos arriscarnos a que poida acontecer o mesmo coa Federación Galega de Pesca? Pero abonda xa! Non quero seguir nesta liña dame moito noxo rebaixarme ao seu nivel. Ademais o seu maior inimigo é vostede mesmo. Aqueles que saben quen é, o que fai e por qué o fai afástanse de vostede. Pódese engarguelar a poucos moito tempo ou a moitos pouco, pero a moitos moito tempo non.
Non entendo que vostede pretenda exixirlles a certas persoas que renuncien ao seu dereito de apoiar ou non a esta ou outra candidatura. Ten vostede medo de que este apoio sexa máis determinante que o seu? Por qué se uns fan unha cousa ten que ser na rede de sumidoiros e se outros fan outra semellante non o sexa? Agardo con impaciencia o de ...que lo vamos a contar con todo lujo de detalles. E teña vostede a picadía e a intelixencia de non retratarse.
Andar xa sementando polémicas, porfiar e espallar dúbidas sobre a legalidade dun proceso que aínda non comezou oficialmente (non temos aínda decreto, polo tanto tampouco data), non ten moito sentido, a non ser que se estean defendendo ou intentando protexer intereses agochados.
Agora ben, é a maneira que teñen os mediocres de facer as cousas. Sabedores de que lles é imposible acadar o nivel alleo, tan só lles queda a esperanza de rebaixar aos demais ao seu.

No hay comentarios:

Publicar un comentario