lunes, 25 de febrero de 2013

Irlanda 2012


Este pasado ano, aló polo mes de xullo, uns membros da Sociedade de Pesca Deportiva Neria, fixemos unha viaxe de pesca a Irlanda. Pasamos alí dúas maravillosas semanas acompañados dun grupo de amigos. Ao chegarmos, a primeira cousa que fixemos foi facer saber quen éramos e onde estábamos.




Despois de instalados nos nosos luxosos aposentos (cabana con calefacción, duchas, lavadora, lavavaixela, cociña, forno, etc) fomos dar unha volta polo que ía ser o noso escenario de pesca nos vindeiros días.


As primeiras impresións foron moi alentadoras. As augas dunha cor diferente ás nosas, un río cuns accesos moi doados e practicables.

Unha contorna moi limpa e ben coidada na que tan só gozar da súa presenza facía que sentirse nela era un verdadeiro pracer, un inmenso pracer.

Os continuos cambios de luz e luminosidade por mor das nubes que ían pasando, ademais da boa acollida que tivemos, facíannos sentir uns privilexiados, sentíamos vivir uns momentos máxicos.


Así que, con ansia, menos Angel que o tomou coa súa característica calma, puxémonos a preparar o material e...


A pescar!! 
A "aboiña" empezou a lance


Angel dixo que empezaría a mosca, seguiría a mosca e remataría a mosca e así o fixo, por certo, con moito éxito.

Foron aparecendo as primeiras capturas da viaxe.


Tivemos unha xornada na que o río estaba cheo de salmóns, eu nunca na miña vida tal cousa vira, foi un día deses nos que un é incapaz de recordar tódalas anécdotas e acontecementos vividos e que tan só despois, co tempo, se van recordando pouco a pouco por uns e outros.

Para min ese día será...O do meu primeiro salmón Irlandés!! Non podía crelo!! acababa de ver como a un compañeiro se lle desenganchara un salmón e fora quen de meter outro no prado. Cedíame logo o posto a min e, non moi seguro de min mesmo, agradecinlle o xesto pero funme para outro pozo un pouco máis arriba e, nada máis chegar, enganchei un salmón que se foi e instantes despois ACADEI A MIÑA PRIMEIRA CAPTURA!!

Non todo foi pesca, foron tamén uns momentos de lecer compartidos cuns amigos ao carón dun lugar maravilloso.


Uns días tranquilos, sen présas, nun río sen presas, cheo de vida!!


Tamén adicamos uns intres ás troitas, para que "O Maestro" nos agasallase coa súa receita ultra segreda, altamente reservada e estrictamente confidencial que tan só prepara para os amigos. Umh que deliciosas estaban!!!


Pero a raiña da viaxe foi a "aboiña", que probou tamén a cebo e sacou este marabilloso salmón de catro kilos e medio!!
Que contenta quedou!!

Foi unha viaxe marabillosa, nun lugar de xente fabulosa, cunha pescata excepcional feita nunha contorna magnífica, pero todo isto non ten cor algunha se o comparamos á calidade do grupo co que tiven a honra, a gran honra, de poder compartir esta inesquecible saída de pesca.

No hay comentarios:

Publicar un comentario