Pescar con ou sen morte é unha
controversia na que moitos de nós entramos con paixón. Iso non debería ser óbice
para que recoñezamos, e respectemos, o dereito de cada quen a practicar a pesca
fluvial, cumprindo sempre coa legalidade vixente, na modalidade que lle pete. Ou
unha e outra, segundo o momento, o lugar, ou a súa propia conciencia,
circunstancias ou razóns
persoais.
Aqueles que nos achegamos ás
marxes dos nosos ríos con asiduidade, entendendo por asiduidade o de facelo, polo menos, unha vez por semana ao
longo do ano, é evidente que non os visitamos só para pescalos. Coñecer algo ou
a alguén é o primeiro paso para respectalo. Coidalo quere dicir que o queremos,
que o gozamos, que o necesitamos, que fai xa parte da nosa vida. Índa que non
poidamos sentilo coma algo privativo, algo só noso, sentímonos orgullosos de
poder compartilo con persoas afíns.
Cando queremos algo ou a alguén,
preocupámonos de coñecer os problemas que o atinxen. Cando o que queremos é un
río, un medio acuático, o noso obxectivo principal son as especies que,
temporal ou permanentemente nel viven. Loitamos polo seu mantemento e, cando as
circunstancias o permiten, mellora. Sabemos certeiramente os problemas que
inciden na súa calidade medioambiental e, por conseguinte, nas súas poboacións
piscícolas.
Teñen especial incidencia na
calidade da auga, polo tanto nas especies que as habitan, as verteduras
industriais, agrícolas e domésticas. Son especialmente catastróficos os
aproveitamentos hidroeléctricos e industriais que, cando derivan auga do leito natural do río, non respectan a
lexislación vixente. Pero segue habendo troitas! Segue habendo peixes que capturar!
Segue habendo pescadores, persoas que
gozamos achegándonos ao carón dos nosos ríos para capturar, ou tentar capturar,
esas troitas, eses peixes.
Poderiamos dicir que hai catro
clases de pescadores. Os de lecer ou afeccionados, os deportivos, os de
competición e os furtivos. Os de lecer ou afeccionados pescan para ocupar un
tempo que teñen libre, para practicar unha afección, xeralmente acompañados de
amigos ou coñecidos. Non adoitan ser constantes. Se a cousa pinta ben, se fan
capturas, voltan de pesca máis e máis veces, do contrario arrédanse unha
tempada, un tempo. O deportivo goza da súa actividade tentando facelo cada día
mellor, sendo máis eficiente, pescando con maior dilixencia día a día.
Aproveita os tempos mortos nos que a actividade dos peixes é moi reducida para
observar e tentar atopar técnicas e métodos que lle permitan acadar capturas,
índa que sexa con menor intensidade ou frecuencia. O pescador de competición
non pesca só polo goce da práctica desta actividade. Goza competindo. Practica
a pesca só ou con un grupo moi reducido de persoas, case sempre os mesmos, o
seu obxectivo principal é acadar resultados que lle permitan participar en
competicións dun nivel cada vez máis relevante. O furtivo é un flaxelo, unha praga, un azoute, un castigo, unha
calamidade, unha desgraza, unha carga.
Unha desgraciada, fatal, miserable, funesta, mesquiña e lamentable carga para a
nosa pesca fluvial.
Se hai algo que pon de acordo á
maioría, a inmensa maioría de pescadores á hora de escoller un lugar para ir de
pesca, e a manida frase de “aí non hai nada oh. Antes, ai antes! Antes si que
había!”. Outra frase moi escoitada é a de que a cana non fai dano. Depende nas
mans de quen estea esa cana! Pensemos. Se unha troita sobrevive ás verteduras
industriais, agrícolas e domésticas, aos incumprimentos da Lei polos
aproveitamentos hidráulicos e industriais para rematar nun cesto de pesca. Qué
foi o que lle fixo dano a esa troita? Dito todo isto, toda modalidade de pesca,
con morte ou sen ela, merece o máximo respecto de todos nós, sempre que se
desenvolva cumprindo a Lei. Non obstante, a legalidade é unha cousa e a xestión
outra. Coma pescador que practica indistintamente unha ou outra modalidade de
pesca, con e sen morte, defendo con convencemento ás dúas, co mesmo
convencemento que teño que o futuro da pesca galega pasa por multiplicar
considerablemente os tramos, acoutados ou libres, de pesca sen morte.
Nese mesmo eido, no da xestión da
nosa pesca fluvial, é principal o papel das Sociedades de Pescadores. Somos
nós, os pescadores, os que máis tempo pasamos ao carón dos nosos ríos, os
primeiros interesados en mantelos nas mellores condicións, os primeiros en
decatarnos se hai algún problema, puntual ou non. É fundamental que a
administración implemente medidas encamiñadas a promover e reforzar o papel das
Sociedades de Pescadores na xestión da pesca fluvial.
Sabemos, coñecemos as eivas da
nosa pesca fluvial. Non se toman ou impoñen as medidas que cómpre por
impopulares. Índa que a porcentaxe de licenzas de pesca fluvial representan
pouco máis do un por cento da pobación galega, os responsables políticos contan
con que van ter desgustados a máis do oitenta por cento das, máis ou menos,
sesenta e cinco mil licenzas de pesca fluvial da nosa comunidade autónoma, iso
significan ao redor de cincuenta e dous mil votos.
Se a administración reforzase ás
Sociedades de Pescadores, moitos máis pescadores estarían interesados en formar
parte delas. Esas Sociedades poderían, tendo un maior peso, arroupar e apoiar
aos nosos responsables políticos na toma das medidas que cómpre promover para
que, dentro dun futuro non moi lonxano, a nosa pesca fluvial non sexa unha
copia da que nestes intres temos en algunhas outras comunidades autónomas.
Manuel Mouzo Méndez
No hay comentarios:
Publicar un comentario