Nestes intres de empobrecemento e
limitación de recursos, propios e alleos, privados e públicos é cando adoitamos
decatarnos de algúns comportamentos pióxenos. Este feito débese, non só a
pirimidina que zumegan esas condutas, que tamén, senón máis ben ao feito de que
cando hai menos que repartir aceiramos a nosa vixiancia. A xestión pública,
coas eivas que ten, ao ser un cometido público no que non hai estímulo de
organización indivual, tampouco de competencia de métodos, nin de técnicas de
xestión e control de calidade, é algo que sen excesivo risco poderíamos
calificar de caótica. Máis aínda se lle engadimos a súa face clientelar e
oportunista, entre algunhas outras, tan escuras e infaustas coma calquera das nomeadas.
Se para competir con garantías de
éxito en salto de altura cómpre saltar de costas, cousa que coñecemos dende o
ano 1968 cando Foxbury aplicou esta técnica nas olimpiadas de México, onde
acadou a medalla de ouro. E que a Administración pública é unha organización
económica, (á que pertencemos por domicilio, por obriga, sen poder escoller,
temos que formar parte dunha Administración pública sí ou sí), con dereitos coactivos e responsabilidade para
actuar en función dunha lexitimidade que lle corresponde, non por propiedade
senón derivada dun proceso electoral, tamén o asumimos. Pero se os responsables
políticos queren que o cidadán teña o sentimento de que eles e a Administración
que gobernan respetan os seus dereitos e garantías, sen discriminación, a
Administración non debería desenvolver a súa xestión, ou aquelas xestións que
pola súa natureza poidan considerarse menores ou de menor transcendencia, de nádegas
á cidadanía nin as organizacións ou asociación implicadas na materia dese momento.
Na Administración, que ten unha
responsabilidade fiduciaria, podemos adiviñar doadamente que os recursos
humanos son unha limitación que atinxe directamente á fasquía da xestión
pública. O prolixo uso de rendas políticas e de clientelismos levan a algúns a
unhas relacións de emprego estables.
Máis tarde non serán botados por razóns políticas e, dificilmente, o serán por
vagancia ou incompetencia manifestas xa que, evidentemente, no seu momento nin
siquera se tivo en conta a súa proficuidade para o posto ou a Administración
correspondente, como tampouco adoita facerse despois discriminación por
rendemento ou mérito. Non obstante, a maior eiva do sector público é que,
accións ou decisións individuais ou de individuos que ocupan postos chave,
producen efectos nefastos para a Administración e os seus administrados e proxectan na cidadanía unha imaxe
administrativa paupérrima, provocando entre o colectivo afectado por esas
accións ou decisións un forte rexeitamento cara á Administración e quen a
compoñe ou goberna. Isto último séntese de maneira singular nas administracións
máis pequenas (autonómicas e locais), non só por abranguer unha superficie
xeográfica restrinxida, que tamén, senón máis ben por coñecernos físicamente
entre nós e coñecer con maior información accións e proxectos recíprocos e a
súa aplicación e desenvolvemento, puntuais ou no tempo.
Na legalididade, eficacia e eficencia da distribución de bens e axudas
públicas a entidades privadas sen ánimo de lucro, deberíanse ponderar con
detemento tódolos aspectos relevantes ou que teñan incidencia nos bens e
intereses públicos. Deberíase ter a certeza absoluta de que os que pretenden
xestionar ou ter acceso a eses bens ou axudas públicas, ademais de cumpriren
coa lexislación vixente para poder optar aos mesmos, fan uso deses bens ou
axudas no interese público e non no interese privado duns poucos. Un
funcionamento eivado da nosa Administración, estatal ou autonómica, óllase coma
algo “diferenciador” en relación a outros países da UE, xa que o cidadán sinte
que dela eflúe unha tensión evidente entre legalidade e discrecionalidade. Non
se entenden senón decisións e resolucións que ao mesmo tempo que achegan a uns
(con intereses privados ou que benefician tan só a certos grupos) á
Administración pública, alonxan a outros (con intereses públicos e abertos a
tódolos cidadáns), aos que non lles queda outra que espulgar as decisións
administrativas e reclamar os seus dereitos polos medios e perante os órganos
que en cada caso corresponda. Como
consecuencia disto, na cidadanía, colle fondo o sentimento de que na
Administración pública prevalecen as cuestións políticas ou institucionais,
entre outras, ás xurídico-económicas ou de interese público.
Manuel Mouzo Méndez
No hay comentarios:
Publicar un comentario