Baixo estas liñas o escrito que acheguei para que, se o teñen a ben, sexa lido no pleno que trate esa moción.
Ao Pleno do Concello de Vimianzo
Señor alcalde, señoras e señores
edís, a Sociedade de Pesca Deportiva Neria naceu coa vocación de ser unha
canle, permanentemente aberta, a todos aqueles e todas aquelas que quixeran, e
queiran, participar directamente na xestión da pesca, dos recursos fluviais e da súa contorna, da maneira máis directa e atractiva posible. Xorde, xa que
logo, por e para a pesca galega no seu conxunto, considerando ésta en sentido
amplo, pero máis directamente para os cursos fluviais da comarca. Inspíranos
unha filosofía altruista, non obstante, na nosa actual sociedade de consumo
toda actividade, mesmo as puramente filosóficas ou altruistas, teñen un custo
económico que cómpre asumir. Para iso, para facer fronte a eses custos,
contamos cunha masa social que non asume só unha cota anual, tamén achega, para
os fins da Sociedade, vehículos, ferramentas e toda sorte de materiais propios.
No que atinxe á conservación dos
nosos recursos fluviais, seguimos mantendo a mesma actividade de coidado, mantemento
e limpeza do couto de pesca da Ponte do Porto agora, sen as axudas que o
Servizo de Conservación da Natureza concedía ás Sociedades co recoñecemento de
colaboradoras, coma nós, ca antes cando si as había. Tamén promovemos e
asumimos novos retos, malia oposición de certos sectores ou persoas que nada ou
pouco teñen que ver coa pesca e, dende logo, que nunca nada fixeron, nin dentro
do noso concello nin fóra del, pola súa xestión ou conservación.
Existe unha nova maneira de
viaxar e de gozar do tempo de lecer. A través dos nosos espazos naturais
poderemos achegar a nosa comarca eses viaxeiros que agora están indo a outros
lugares. Lugares que non lles ofrecen máis do que nós aquí temos, tan só llelo
ofrecen máis coidado, polo tanto en moitas mellores condicións das que nós
nestes intres podemos facelo. Todos entendemos, xa que nós mesmos tamén o
facemos, que viaxar é sinónimo de comer, beber, mercar, etc., nos lugares
visitados. Cando as actividades que lles ofrecemos aos nosos visitantes son,
ademais de pracenteiras, regulares e duradeiras no tempo, entendendo por tempo
un espazo que poida ir dende un día ata varias semanas, tamén poden ser, de
feito noutras autonomías veciñas coma por exemplo Asturias xa o son, un
complemento á oferta hostaleira e de turismo rural das comarcas que son
visitadas para gozar dos seus cursos e recursos fluviais.
É logo doado entender a
importancia que ten, para todos, vecinos e visitantes, pescadores ou non,
xestionar axeitadamente os nosos recursos naturais, ademais de para a calidade
medioambiental do noso concello e da comarca, tamén para a nosa maltreita
economía. Asemade, cómpre ter en conta que cando se fala de xestión, fálase
fundamentalmente de tomar decisión sobre o destino dos recursos disponibles,
polo tanto, a súa importancia económica débese engadirlle a súa relevancia
social.
En Vimianzo a 5 de xullo de 2012
Manuel Mouzo Méndez