lunes, 18 de julio de 2011

Facendo cousas por nós, por ...todos






O día, escuro e chuviñoso, non invitaba moito a porse o choio pero...tampouco era para chorar!! Como sabemos que entre nós ai moito chistoso, puxémos a choiar sen chistar animados polo chuschús do río e, despois dun pouco de cháchara, uns con chapeu e outros sen el, a chapodar pero sen facer chambonadas e outros a recuperar e colocar chatarra (sinais) e a chantar chuzos de madeira (postes) no chan.






Índa que axiña chegou o bo humor e o ambiente cordial, distendido e simpático de sempre, esta foi a cara que puxo Jaime cando lle tocou aguantar do poste mentres Mon marreaba nel (no poste eh). Non sen antes facernos partícipes das súas derradeiras vontades por se Mon a Mon taba gorda!!






Tocounos tamén retirar os "recordos" das actividades que fixeron outros (sen nin siquera ter autorización), que logo van dicindo por ahí que o río é de todos e que teñen o mesmo dereito de uso cos outros. Todos temos dereitos e obrigas. Moito "talibán medioambiental" só reclama dereitos, a meirande parte das veces sen telos, ou sen saber se os teñen.
Para facer calquera actividade nun espazo regulamentado por Lei debemos, cando menos, coñecer se a Lei nos permite desenvolver esa actividade. Por outro lado temos unha máxima que di máis ou menos, "os dereitos propios rematan alí onde comezan os alleos".





Tentamos manter nas mellores condicións este espazo natural e para iso a retirada de toda clase de lixo é unha actividade cotiá e importantísima.



Podemos ollar como deixamos de limpa a área recreativa. Tamén vemos que o colector de lixo que nos puxo no lugar o Concello de Vimianzo xa desapareceu. Ficou baleiro o oco no que se atopaba. Xuntamos alí (nese oco) o lixo recollido e falaremos de novo co Concello para ver cal pode ser a mellor solución, se repoñer o colector ou recoller o lixo alí onde o deixamos.









Limpamos o acceso ao couto dende Lexas e decatámonos que cando a vexetación medra adoita agochar o lixo que tiramos. Que porquiños e pouco respetuosos co medio ambiente son algúns dos visitantes deste lugar!! E non me refiro só aos pescadores!! Xa sabemos que moito do lixo que aquí atopamos arrástrao o río cando hai enchentas pero é doado diferencialo do que se tira "in situ". Gustaríanos que os que veñan gozar deste fermoso lugar respetasen, non só á Natureza que os rodea, senón que tamén o fixesen co traballo dos demais.





Para aqueles que non o saiban: Facer desaparecer os sinais de Vedado non exime de responsabilidades a quen sexa sorprendido pescando nese lugar.



Unha vez máis o orgullo e satisfación do deber cumprido e a honra de terlle devolto a esta fermosa paraxe parte da fermosura que tiña agochada polo lixo. Grazas compañeiros!!

domingo, 26 de junio de 2011

Retirando árbores mortas e caídas II



Por esta tempada damos por rematados os traballos de retirada de árbores mortas ou caídas. Desta vez demos continuación ás actuacións feitas no derradeiro día augas abaixo da Ponte Vella. Grazas aos eforzos dos nosos Socios deixamos limpo un tamo da marxe do río que estaba intransitable. É un pracer decatarse que grazas aos nosos traballos este lugar puido recuperar a beleza e o encanto perdidos.







Non foron doados os traballos vista a cantidade de árbores caídas e o grosor que tiñan algunhas delas. Os alí reunidos traballaron duro sen aforrar esforzos, nin tempo, para deixar o lugar limpo e rematado.








Tivemos a visita de dona Parrula e dos seus Parruliños!!








Como se pode ver os traballos foron duros, necesarios e feitos con interese e adicación. Tivemos que contar co apoio de maquinaria pesada para ser quen de facelos pero fixémolos!! Esta Sociedade de pesca ten un grupo de persoas coas que se poden encarar tódolos retos sen medo a fracasar. Grazas a todos pola vosa colaboración e...vémonos o mes que ven para seguir limpando marxes, accesos e retirar residuos sólidos (plásticos sobre todo) que agreden ao medio natural.