martes, 1 de junio de 2010

Sobre os comentarios feitos en wadeando

A algunhas carrachas semella que lles estorba ollar dous ben fermosos reos mortos, tamén é casualidade carallo!! Coa de peixes mortos que aparecen por aí adiante nos blogs e páxinas web que teñan que ser os que pillaron Carlos e José Manuel os que dean que falar.

Está ben claro que o que así fala é unha merdiña, pois aínda dubida de se somos conservacionistas. Coidamos e mantemos o medio fluvial e o seu entorno. Tentamos, se é posible, melloralo e traballamos para manter e, de ser posible, mellorar a poboación de reos no Couto de Pesca da Ponte do Porto. Que voltemos a ter reos deste tamaño significa que estamos a facer as cousas ben. E estou seguro que coas medidas que se tomaron este ano aínda irán mellor. Polo demais somos pescadores CON MORTE tan honrados, honestos e lexítimos coma os SEN MORTE. Ti non eres máis que esterco!! Pila de bosta!! Asquerosa e inmunda rata!!

Ou será polo que publiquei en referencia ás eleccións a FGP e a alguén lle está aínda supurando a almorrá? Poida que sí. Abofé que sí. Claaaro e como non ten collóns para falar el directamente faino cun monicreque.

Pois mira monicreque: A min se alguén me ben romper as persianas da miña casa, eu non me agocho entre as saias da miña muller, vou a fóra e dou a cara.

Tampouco quero chaves de ningunha capela e se non as acado...oh milagre!! atopan a pechadura "siliconada", o que faga iso é un covarde!!

Volvendo ao dos reos, eu non os pillei, pero alédame moito que os pillasen estes dous rapaces, meréceno, eses e moitos máis.

Traballan coma tolos por acondicionar o Couto de pesca e amosan sempre unha dispoñibilidade absoluta. Mira paspán, o ano pasado, estes rapaces, como non nos chegaban os cartos para rematar tódolos traballos que tíñamos que facer, trouxeron eles maquinaria das súas casas e ata mercaron algunha, cos seus cartos!! Para poñela ao servizo da Sociedade de Pesca!! Ti non o farías e a man que che move os fíos, monicreque, tampouco. Se só lle interesa a pesca para ver de sacar algo dela!! Algo da súa comenencia claro!!

Mira peido babeco non te metas en camisas de once varas!! Tes tódalas de perder porque esa é xustamente a miña talla. Algunhas veces aínda me queda pequena!! Deixa que o que teña algo que dicir o diga el mesmo. Ah e non te fíes do anonimato, nestes tempos xa non che é o que era!! E a lingua é malíiisima para os dentes, pior que a caries, baiche boa!!

Xa temos algún reo no río


Estes dous "pelouros" foron capturados por Carlos e José Manuel o domingo a última hora. Noraboa campeóns!! Sinto a calidade da imaxe pero xa se sabe como saen as fotos con pouca luz e feitas co móvil, aínda por enriba achegouma Carlos por mensaxe!!
Visto o visto aínda non está tan mal!!
Ánimo compañeiros ide montando moscons, afiándolles os triples aos peixes artificiais e acariñando os nosos ben queridiños risquiños, sobre todo os meus, que son os que pescan je je je.
Moita sorte a todos!! Semella que a cousa pinta ben. Eu xa lle teño unhas veliñas acendidas a San Pedro.

lunes, 19 de abril de 2010

A voltas coas eleccións a FGP

Abraiado! Fiquei abraiado despois de ler un escrito do señor Piñeiro en relación ás vindeiras eleccións á Federación Galega de Pesca. Non entendo como alguén lle pode negar a outros a lexitimadade que se dá a si mesmo ou calificar de "negociaciones en la sombra" a preparación dunha candidatura para as mesmas, cando el mesmo xa leva algún tempo dicindo que desta vez está feito. Comentou, teño testemuñas señor Piñeiro, que xa tiñan os votos contados e que as contas cadraban, engadía que agora a Federación Galega de Pesca xa ía ser cousa deles (enténdase del e dos seus afíns claro) . Quizabes tivese tanta afuteza dende o convencemento de que habería unha soa candidadura. Poida ser que en realidade o que o encabuxa sexa xustamente isto. Claro, é moito máis segura a candidatura que lle interese a un mesmo se é única! Pero entón u-la democracia?
Non me estraña o uso habitual que fai dunha linguaxe vulgar e groseira, nin que o insulto ou o non repecto aos que non tiran da súa corda sexan os argumentos principais do seu escrito. Todo isto adornado da súa cotiá falta de ética. Digo falta de ética porque non é de recibo que primeiro se vaian facendo os comentarios que sinalei e agora xa se poña en dúbida a limpeza deste proceso ao coñecerse que pode haber máis dunha candidatura.
En canto á imparcialidade señor Piñeiro, non pode nin debe existir, iso é precisamente o fundamento da democracia. Evidentemente todo o contrario do que son as listas e os pensamentos únicos por certo.
As Sociedades de Pesca son entidades sen ánimo de lucro cuxos obxectivos principais son o coidado e mantemento do medio fluvial e do seu entorno, ademáis de fomentar e practicar a pesca deportiva ou participar en competicións oficiais. Aqueles que estamos dirixindo e representando a esas entidades facémolo sen interese económico algún, facélomolo con un único interese A PESCA. Velaí o noso interese.
Polo demais todos temos un pasado, algúns para maior honra propia e daqueles cos que o compartimos. O doutros é para non recordar, ou mellor, para esquecer. É de dominio público cal foi o seu comportamento no momento no que se lles concederon os permisos turísticos aos estabelecementos hostaleiros, tamén foi relacionado con certas listas, sen falarmos do uso que facía de Trueiro coma un medio para atacar ou insultar a certas persoas. Unha publicación que debería estar ao servizo da pesca pasou a converterse nunha arma ao seu. Podemos os pescadores galegos arriscarnos a que poida acontecer o mesmo coa Federación Galega de Pesca? Pero abonda xa! Non quero seguir nesta liña dame moito noxo rebaixarme ao seu nivel. Ademais o seu maior inimigo é vostede mesmo. Aqueles que saben quen é, o que fai e por qué o fai afástanse de vostede. Pódese engarguelar a poucos moito tempo ou a moitos pouco, pero a moitos moito tempo non.
Non entendo que vostede pretenda exixirlles a certas persoas que renuncien ao seu dereito de apoiar ou non a esta ou outra candidatura. Ten vostede medo de que este apoio sexa máis determinante que o seu? Por qué se uns fan unha cousa ten que ser na rede de sumidoiros e se outros fan outra semellante non o sexa? Agardo con impaciencia o de ...que lo vamos a contar con todo lujo de detalles. E teña vostede a picadía e a intelixencia de non retratarse.
Andar xa sementando polémicas, porfiar e espallar dúbidas sobre a legalidade dun proceso que aínda non comezou oficialmente (non temos aínda decreto, polo tanto tampouco data), non ten moito sentido, a non ser que se estean defendendo ou intentando protexer intereses agochados.
Agora ben, é a maneira que teñen os mediocres de facer as cousas. Sabedores de que lles é imposible acadar o nivel alleo, tan só lles queda a esperanza de rebaixar aos demais ao seu.

domingo, 18 de abril de 2010

Campionato Provincial de Lance

Voltamos a estar de noraboa na Sociedade de Pesca Deportiva Neria!! Jesús Mira Vidal (primeiro pola dereita) acadou a súa clasificación para participar no Campionato Autonómico de Lance do vindeiro ano ao quedar clasificado no oitavo posto no Campionato Provincial deste 18 de abril en Baio. Tamén tivo unha moi boa participación Antonio Mira Vidal (segundo pola dereita) que se clasifico no posto número once. Mon, o terceiro dos nosos representantes, tivo unha boa participación, aínda que máis modesta pero non menos merecente se temos en conta que a súa especialidade non é o lance e que era a primeira vez que participaba nunha competición oficial. Parabéns aos tres! E grazas, moitas grazas por representarnos de xeito tan sobresaínte!

Polas beiras do Ladra


Neste fermoso tramo do Couto de Begonte estivemos pescando, máis ben tentando pescar, o sábado 17 de abril, Juan e un servidor.




As imaxes correspóndense ao tramo alto do couto, entre a ponte da nacional IV e a desembocadora do Parga no Ladra, por certo, límite inferior do couto de Baamonde. Neste punto dase a curiosidade de que se te poñes na auga, na confluencia dos dous ríos, e sen moverte do sitio, lanzas para un lado e pescas nun río e nun couto, lanzas para o outro e pescas noutro río e noutro couto je je je, certo certo.
A fermosura deste cornecho é moita, abofé que si, nas imaxes podemos decatarnos diso, en canto as troitas... non podemos falar.
A xornada comenzou cunha mañá moi cuberta de brétema para pouco a pouco ir abríndose o día e aló polas once da mañá o sol era o rei do ceo. Isto estivo así ata as cinco da tarde cando comezaron a caer as primeiras pingas seguidas se súpeto por lóstregos e tronos par rematar caendo auga forte aló polas sete cando decidimos dar a xornada por rematada.
Puido ser o tempo cambiante ou a aínda baixa temperatura da auga, pero o certo é que as triotas non se moveron nin se deixaron enganar, nin unha soa! Foi unha xornada máis sen capturas! Qué se lle vai facer! Ben sabemos que para os que sentimos esta pasión a pesca non consiste só en facer capturas pero é de tódolos xeitos unha parte importante das nosas xornadas e un obxectivo principal pero.....


O mellor da xornada, aparte da fermosura deste tramo de río ao que voltaremos, foi compartir de novo unha xornada de pesca cun bo amigo e mellor compañeiro de pasión "pescantil".
Atopamos a tres pescadores máis neste tramo e cando falamos con eles o seu resultado fora o mesmo que o noso, polo que non sabendo moi ben qué poñer na corda estivemos probando con unhas e outras moscas e ninfas pero foi en van. A ver se na próxima acadamos o obxectivo que ficou suspenso. Coidamos que é un río que merece ser visitado pero antes de aconsellar a ninguén teremos que ver qué troitas ten.